Por un feminismo de irmás de terra

--

Un marzo máis, tras un inverno case ausente debido ás altas temperaturas que provoca a emerxencia climática, nós volvemos alzar a voz para contar o que nos atravesa.

Este ano temos que empezar falando de Palestina, unha terra que leva décadas sendo espoliada e que agora sofre un xenocidio por parte do Estado de Israel. A poboación civil de Gaza está a ser vítima de bombardeos, fame e enfermidade. Así tamén se destrúe un pobo, negando o acceso á terra e á súa soberanía alimentaria. Dóenos Palestina: é insoportable ver cada día imaxes do xenocidio nas pantallas e continuar coas nosas vidas coma se nada. Desde os nosos pobos esiximos un alto ao lume e unha Palestina libre para os seus habitantes.

Por elas, polas mulleres de Palestina, que resisten e loitan contra a ocupación e que, como poden, coidan das súas familias e as súas comunidades tentando que chegue algo de alimento e auga, protexendo, sobrevivindo, amparando, nunha guerra declarada contra a terra e a vida.

Irmás de terra,

vivimos días convulsos, con tractoradas nas rúas; parte do campo mobilízase. O eco das protestas dá de cheo nunha mirada paternalista, condescendente e moi ligada á cidade. Unha mirada e unha maneira de contarnos, reducíndonos a un só tipo de campo e de relato. Por suposto, somos conscientes dos intereses que responden a esa aposta comunicativa e preocúpanos a confusión que iso xera. Que se reivindica? Quen o fai? Quen o pode facer? Desde que lugares se fai? No manifesto dos ‘Levantamentos da Terra’, dos movementos franceses pola defensa do territorio, liamos que a ecoloxía será campesiña e popular ou non será. Engadimos que o noso campo, o campo que estamos a construír, será agroecolóxico e popular ou non será. Queremos que o compoña o campesiñado e non a agroindustria. Urxe un cambio de modelo, un que poña no centro a vida, a conservación do territorio e a biodiversidade, que nos alimente con comida sa e que non nos enferme, e no que todas as persoas que traballen nel teñan condicións de vida dignas. Cremos firmemente que é na proposta agroecolóxica onde cabemos todas. A totalidade do territorio funciona de maneira compasada, respectando os límites dos nosos bens naturais, tecendo unha rede afectiva, sociocultural e económica a través dos alimentos que xeramos e consumimos; a través do recoñecemento da valoración e o coidado mutuo entre as persoas que alimentan e as que son alimentadas. Estamos fartas de discursos de odio que sinalan como inimigo ao igual e nos deixan sen enerxía para denunciar o sistema que nos quere enfrontadas. Todas somos irmás e pensamos que, desde o respecto, a honestidade e o apoio mutuo poderemos facer un medio rural vivo, diverso, no que poidamos estar todas. Sería importante facer o exercicio de preguntarnos como nos gustaría alimentarnos e saber que nomes, historias e vidas trae consigo o noso prato de comida. Cremos que é urxente a redignificación das persoas que traballan facendo posible a nosa alimentación. Vivimos nun sistema onde a comida se tira coma se nada, no que non se valora o acto de comer e onde moitas veces enchemos o carriño da compra de maneira mecánica, sen pensar en que hai detrás de cada alimento que collemos. Por suposto, non queremos caer no discurso que culpabiliza. Somos conscientes da comida que chega aos supermercados, do tempo que fai falta para comprar de forma consciente e para cociñar, e do sistema no que estamos que nos precariza e esgota. Reivindicamos o dereito á imaxinación. Queremos non deixar de imaxinar, formar parte de discursos nos que sexan desexables outros mundos. Unha política do desexo que vaia moito máis alá do afán de consumir (sexa o que sexa, sempre máis, sempre inmediatamente). Queremos discursos que xeren esperanzas, que rompan coa superioridade moral ligada ás academias e os centros.

Irmás de terra, seguimos aquí as que, en ocasións, non podemos permitirnos nin saír á rúa nin protestar. Seguimos as atadas a unha cama ou a unha cadeira de brazos, sen opción ao máis mínimo movemento. As excluídas, as etiquetadas por vivir outras maneiras de sentir, de facer ou dicir. Seguimos as rexeitadas por ter un diagnóstico psiquiátrico, as que cobramos menos nun mesmo traballo por algunha discapacidade. Seguimos as maltratadas, dentro de relacións perversas e crueis. Seguimos as invisibilizadas a pesar de anos de saberes. Seguimos TODAS as ninguneadas por non cumprir cos mandatos de sociedades machistas, capacitistas, cuerdistas ou idadistas.

E con esta diversidade, seguimos enriquecendo territorios cheos de vulnerabilidades e fortalezas, construíndo outras formas de habitar, de compartir e de vivir.

Irmás de terra,

non nos esquecemos de todas as mulleres migrantes que traballan, moitas veces estacionalmente, en fábricas, campos e invernadoiros. Con remuneración distinta en función da súa orixe, sen liberdade de falar mentres traballan, sen garantía de facer as horas contratadas e cobralas se non hai produción. Ademais de todo o mencionado, no caso das mulleres que traballan nas fábricas de selección, destrío, almacenamento de froita no verán, facendo o seu labor a poucos graos para garantir o estado da froita que será posteriormente distribuída e con horarios variables, tamén de noite, que poñen moi difícil unha conciliación familiar, máis sendo en tempo estival sen aulas.

Irmás de terra,

queremos traer a alegría a este manifesto. E reivindicamos con orgullo ás nosas veciñas, esas mulleres que sempre se paran nas rúas dos nosos pobos para conversar, que sacan as súas cadeiras ao fresco, que comparten braseiro e comidas, que sempre están aí formando comunidade. Queremos unha vida digna para todas, que sintamos alegría e sorte de vivir onde vivimos. Por todas esas mulleres que se preocupan de quen vive no seu pobo e respectan que cada quen sexa como queira ser. Non hai tempo de xulgar, senón de estar para quen o necesite. Sen esquecernos de que, ás veces, podemos ser nós as que necesitemos apoio, porque a fortaleza e a vulnerabilidade son atributos que nos pertencen.

Queremos mirar ao futuro e vernos nel, así. Pero para iso, necesitamos o acceso a servizos básicos, e necesitamos que a cultura non sexa exclusiva das cidades e que non só suceda en días de festa. Os nosos pobos tamén son cultura. Atopemos a forma e a fórmula!

É esencial manter espazos para articular unha biblioteca, unha ludoteca, un teatro, unha sala para proxectar películas… Espazos que se transforman e fan posible a vida en común. Espazos para o diálogo e a comunidade.

Aquí nomeamos, aquí sentímonos máis unidas ca nunca. Aquí facemos fronte, compartimos os nosos temores, deixamos ao carón o silencio. Reivindicamos que existen moitas maneiras de habitar o territorio, moitas ruralidades que dialogan, que aprenden, que constrúen, que coidan e acollen. Unha de irmás de terra: chea de feminismos e diversidade, de agroecoloxía, de solidariedade cos pobos oprimidos, de memoria, de interdependencia, de apoio mutuo, esperanza e alegría.

Por un feminismo de todas,

por un feminismo de irmás de terra.

O cartel é obra de Iraia Okina. Podedes descargalo aquí.

** Este manifesto foi traducido ao galego por David Lourido, de O Tempo da Aldea Sociedade Cooperativa Galega.

***(Este manifesto foi posible grazas ao traballo colectivo de Leire Milikua, Blanca Casares, Patricia Dopazo, Lareira Social, María Sánchez, María Montesino, Jornaleras de Huelva en Lucha, Lucía López Marco e Colectivo Arterra. Irmás de terra é un manifesto para o 8M que foi impulsado desde 2018, por María Sánchez e Lucía López Marco.)

--

--