Por un feminismo de Irmás de terra
Irmás de terra,
un ano máis encontrámonos nas rúas para reivindicarnos xuntas, para alzar as voces, unir as nosas mans e defender os nosos dereitos e os dos territorios que habitamos.
Foi un ano de loita e mobilización do pobo galego na defensa do seu modo de vida, da auga, da terra e do aire. Como di o lema, «dende a Ulloa ata a Ría, terra, auga e aire son vida!». Galicia enteira érguese contra unha agresión sen precedentes, a dunha macroplanta de celulosa da multinacional Altri.
As consecuencias deste proxecto, de chegar ao seu fin, serían devastadoras: entre outras cuestións, toda a cunca do río Ulla — que desemboca na ría de Arousa — veríase afectada, prexudicando a mariscadoras e ao sector pesqueiro. O leito do río uniu ás labregas da terra do medio (A Ulloa, terra do medio) que defenden o seu territorio, a terra que traballan e coidan, fronte a un modelo de espolio e eucaliptización; e ás mulleres do mar, preocupadas pola calidade da auga que lles dá sustento económico, e sen a que non poden entender o seu día a día.
Contra este proxecto que rompe e esnaquiza a terra, levantouse unha mobilización mediática sen precedentes, que se suma a tantas outras, quizais menos visibles, que tamén loitan contra megaproxectos eólicos ou solares, ampliación de regadíos, instalacións gandeiras industriais, proxectos mineiros, turísticos e urbanísticos… Intervencións que perpetúan unha idea errónea de progreso e crecemento, que xa está obsoleta para nós, porque só acumula beneficio nunhas poucas mans e agrede ás persoas e ao territorio.
Irmás de terra,
tamén saímos xuntas ás rúas de novo polo pobo palestino. Mostrar a nosa indignación pola impunidade do estado xenocida de Israel, unha impunidade sostida polos nosos gobernos. Para mostrar que non somos indiferentes a esta inxustiza nin a este sufrimento. Pero tamén para mostrar a nosa admiración pola forza e a resistencia da poboación palestina, arraigada, como as súas oliveiras e figueiras, no vínculo coa súa terra, que nos emociona e inspira.
Irmás de terra,
vivimos nun territorio ferido. A dina deixou dor e secuelas, e un golpe de realidade despois da catástrofe: cómpre transformar este sistema que non deixa de poñernos en perigo. O cambio climático non é só un fenómeno abstracto ou graos centígrados, é morte, desprazamento forzado e destrución material tamén entre nós.
A imaxe da ponte da solidariedade, co seu fluxo de xente a pé desde a cidade a todas as localidades afectadas, achegounos unha multitude que cos seus corpos carga vasoiras e pas, comida e garrafas de auga, botas e pertenzas para outras persoas ás que non coñecen. Se nos sostemos así, é porque nos recoñecemos vulnerables e antepoñemos a vida ao capital: unha vida que fai cambalear as únicas historias de éxito que nos ensinaron como referentes. Unha vida na que a veciñanza se bota á rúa e acende a leña e cociña para as demais. Pero este ano, varias persoas víronse afectadas polos fenómenos climáticos sen recibir a atención dos medios, como é o caso das compañeiras xornaleiras que malviven nos asentamentos chabolistas de Huelva ou Almería. A solidariedade da sociedade e o amparo das administracións non lles chegou.
Por outra banda, conmóvenos o lema «O pobo salva ao pobo», pero non podemos esquecer que todas aquelas persoas ás que votamos forman parte del, e que o público tamén salva ao pobo. Hai infinidade de sementes que agardan renacer nestas terras. E este renacer permítenos imaxinar outras maneiras posibles de vivir: nas que a boa vida, a alimentación sa, as condicións laborais dignas e a saúde mesma non teñan nada que ver co código postal do noso lugar de residencia. Maneiras de vivir nas que non esquecemos a ninguén.
Por iso, queremos hoxe dicir ben alto unha expresión da horta valenciana que nos emociona:
A tornallom.
Chámase así unha das formas de traballo comunal na que o intercambio de tarefas se realiza sen diñeiro. Unha maneira de habitar unha terra en veciñanza, que coida os lazos con todas aquelas persoas coas que convivimos e que, por moito que outros se empeñen en obviar e excluír, é un de tantos xestos que conforman a narrativa que hoxe nos mantén aquí. Oxalá sexa tamén a maneira que nos permita inventar modos de vivir que non só mitiguen os impactos do cambio climático, senón que poidan contribuír a frealo.
Porque,
irmás de terra,
son elas, as mulleres que coidan, as que sosteñen o tecido das súas familias e comunidades, as que afrontan os retos climáticos cunha carga emocional e psicolóxica que con frecuencia permanece invisible.
As mulleres rurais encóntranse na primeira liña da loita por un futuro habitable. Afrontamos unha crecente ecoansiedade, a unha preocupación persistente e lexítima polos efectos da mudanza climática. Este temor, intensificado pola nosa proximidade directa coa terra e os recursos naturais, golpéanos con máis forza ás coidadoras do rural. Gardiás da contorna, sufrimos primeiro e máis profundamente os cambios nos ciclos naturais, as secas, as inundacións e a degradación do solo.
Convivimos con ansiedades, inquedanzas, tristezas, inseguridades, présas, culpas e sobrecargas, a miúdo obrigadas a aceptar traballos precarios que esnaquizan o noso medio. O sistema empúxanos a unha procura individualizada de supervivencia, énchenos de pílulas e medicaliza as nosas vidas. Sobremedicación, automedicación, medicacións sen seguimento nin finalización, non abondan para frear o enorme desafío que supón a defensa do noso territorio, a saúde dos nosos corpos e a das nosas comunidades ameazadas.
Irmás de terra,
que a nosa terra floreza malia as adversidades.
Mantémonos firmes na esperanza e na acción, porque sabemos que a posibilidade dun futuro habitable e sostible está nas nosas mans. Mais atopámonos nun momento crítico, no que a explotación desmedida dos recursos naturais, a privatización dos bens colectivos e o avance dos modelos económicos extractivistas ameazan a vida no planeta e o tecido social das nosas comunidades. Ante esta crise, alzamos a nosa voz para reivindicar e protexer os bens comunais, esenciais para a vida nas nosas aldeas, para coidar os montes, os prados, os acuíferos, os ríos, as dehesas, para protexer toda forma de vida e a nosa propia. E facelo desde terras comunais, que son de todas e de ninguén; terras abertas, sen peches, horizontais, terras que acollen e nutren. Terras para ser habitadas.
Nun mundo dominado pola lóxica do crecemento económico ilimitado, atopámonos ante unha crise ecosocial sen precedentes. Fronte ao modelo dominante baseado no capitalismo extractivista, necesitamos unha transformación radical das lóxicas dos países do norte global. O decrecemento non significa retroceso nin empobrecemento, senón un cambio nas prioridades: producir menos e mellor; consumir menos, pero con maior sentido; vivir dun xeito máis comunitario e en equilibrio co corpo, os outros corpos, o ecosistema, o territorio.
Queremos recuperar o tempo como tempo de vida, como maneira de habitar. Non queremos vivir sempre nun tempo produtivo, burocratizado, un tempo de explotación e consumo. Queremos potenciar o desexo e a alegría tamén como política efervescente e crítica, desde o común vivo, en contacto coas distintas realidades. Reivindicamos a convivencia, a alegría, o festivo, a partir de espazos e tempos para celebrar a vida, para atoparnos, para gozar.
E non estamos soas, porque levamos con nós a forza de todas aquelas que nos precederon, de todas aquelas que nos seguirán.
Por un feminismo de todas,
por un feminismo de irmás de terra.
O cartel é obra de Vanesa Freixa. Pódese descargar aquí.
(*) Seguimos empregando as categorías de muller (e irmá) por consideralas aínda útiles para incidir politicamente na nosa realidade actual, pero somos conscientes de que somos diversas en canto a vivencias, traxectorias, capacidades, corpos e identidades. O asterisco pretende aglutinar toda esa diversidade.
Este manifesto verteuse ao galego por Irea Blanco, e coa voz de Ada Blanco. Podes escoitalo aquí.
** Este manifesto foi posible grazas ao traballo colectivo de Blanca Casares, Lareira Social, Leire Milikua, Lucía López Marco, María Montesino, María Sánchez, Patricia Dopazo, Ada e Irea de REAMA Friol, Ana Pinto Lepe de Jornaleras de Huelva en Lucha e Elisa Oteros. Irmás de Terra é un manifesto para o 8M que foi impulsado desde 2018, por María Sánchez e Lucía López Marco.
Podes apoiar o manifesto e o traballo de Hermanas de Tierra, aquí.
hermanasdetierra@gmail.com