Por un feminismo de irmás de terra
Regresa marzo, entre xeadas e incertezas, pero nós volveremos encher as rúas, levantar as nosas voces, romper os centros coas nosas marxes e periferias. Un marzo máis reivindicamos os nosos dereitos, visibilizamos o que nos atravesa e afecta. Sentimos que non é boa noticia que este ano, entre as compañeiras, falemos de que este manifesto sexa máis necesario ca nunca. A situación e as problemáticas que estamos a vivir nos nosos territorios interpélannos de forma urxente e directa para atopar a forza e a palabra entre nós: para crear vínculos, sacar as cadeiras á rúa, non calar nunca máis, non volver sentirnos soas.
Queremos hoxe poñer a memoria, o corpo e a voz. Sen medo, sen pudor, sen reparo.
Por todas aquelas que non poden deixar hoxe o seu posto de traballo ou o seu papel de coidadoras, que viven paralizadas pola violencia, que traballan día tras día sen dereitos, que non poden falar porque necesitan o pan e o xornal para que vivan os seus. Que non poden visibilizarse nunha manifestación, que non poden permitirse saír á rúa, unirse á protesta. Isto é tamén polas que non poderán saír da casa debido a barreiras físicas, sufrimentos ou malestares, por estar pechadas en institucións ou hospitais. Fóra dos discursos dos centros, das institucións, da academia. Queremos ser altofalante, plataforma para todas aquelas ás que o sistema expulsa, explota, maltrata, deixa conscientemente sempre a un lado.
Xa pensamos no verán que se achega, cunha seca que nos doe e angustia. As paisaxes nas que medramos, vivimos e traballamos están a desaparecer, a nosa xeografía física e sentimental transfórmase noutra cousa. Aínda non sabemos nin temos palabras, pero tamén este manifesto quere falar en voz alta desa dor que moitas levamos xa dentro, que transforma os nosos corpos e vínculos, os nosos afectos e comunidades. Pero non queremos dar oportunidade aos discursos cheos de catastrofismo e colapso. Aquí non poden enraizar os sermóns que culpabilizan, que enfadan, que aleccionan, que deixan recaer todo o peso nas persoas, sen saber das súas circunstancias e vulnerabilidades. Preferimos crecer e compartir desde a alegría. Queremos traballar xuntas por outro porvir, aprender a volver conmovernos. Pensamos que desde os afectos e o asombro poderemos xermolar xuntas en novos espazos e encontros. Para iso tamén necesitamos compartir e nomear as nosas fraxilidades, vulnerabilidades e sufrimentos. Poida que este sexa un bo motivo para loitar e seguir adiante nesta emerxencia climática. Non podemos permitirnos o desánimo, o pesimismo, a desesperanza.
Irmá de terra, que algúns fagan o imposible por impedirnos imaxinar novos futuros non significa que non podamos soñar e pelexar por telos.
Preocúpannos especialmente os discursos que regresan, romantizando a vida das nosas nais e avoas, converténdoas en heroínas, ocultando con palabras e artimañas unha ditadura chea de represión, desigualdade e violencia.
Irmá de terra,
vimos daquelas nenas que traballaron a terra sen poder decidir, que cargaron ás súas costas con mochilas enormes cheas de renuncias e silencios. Compartimos territorio con colectivos oprimidos. Non podemos esquecernos de que aquelas violencias seguen entre nós: con nós hoxe especialmente están as temporeiras, as migrantes, as mulleres trans. Sen elas non contemplamos a loita. Non podemos imaxinar nin pensar os novos futuros habitables e sostibles sen elas nin as súas reivindicacións.
Somos descendentes de todas aquelas e tamén seremos, algún día, antepasadas para as que veñan. Nunca esquezamos de onde vimos, máis nestes tempos nos que tanto nos preguntamos cara a onde queremos ir.
Non caiamos na amnesia, non camiñemos sen a memoria.
Levamos con nós unha xenealoxía de resistencia: dóenos que desde certos colectivos urbanos, sempre desde o centro, borren dunha plumada os nosos relatos e movementos de loita, obvien e simplifiquen os nosos debates. Que non esteades ao tanto non significa que nos nosos pobos non estean a suceder cousas, que non esteamos a traballar polo cambio. Parécenos inxusto con todos os colectivos e grupos rurais que incansables loitan e se moven por outros medios e territorios posibles. Crer que non existen outras loitas nin debates nos nosos pobos parécenos unha visión terriblemente inxusta, paternalista e condescendente.
Sen nós non se entende o territorio. E non podemos quedarnos caladas ante as medidas e discursos que sempre nacen e ordenan en nome do desenvolvemento e a sustentabilidade. Xa basta de converter os nosos medios rurais en zonas de sacrificio, en meras despensas, en vertedoiros, en simples zonas de recreo para a xente da cidade.
Nos nosos territorios atópanse as ferramentas e os saberes que poden converterse en aliados para mitigar os efectos da emerxencia climática na que vivimos. Pero a realidade é que cada ano seguimos vendo como aumenta o número de explotacións industriais e intensivas nos nosos pobos, e como se abren paso macroproxectos enerxéticos en espazos de alto valor ambiental sen ter en conta a quen habita a terra, expulsándonos dos nosos pobos.
Celebramos a visibilidade e os novos relatos que cada día están máis presentes nos medios. Pero a realidade que vivimos no campo ás veces non concorda co que nos devolve o espello: seguimos sen poder tomar decisións, sen acceso a unha vivenda digna, á terra. Sen ferramentas para poder poñer en marcha proxectos que traballen pola soberanía alimentaria: é máis fácil desenvolver un proxecto industrial que un proxecto agroecolóxico que produza alimentos que coiden a nosa terra e non nos enfermen.
Irmás de terra,
quen son os que deciden por nós? Quen se beneficia do uso da terra? Quen ten o altofalante?
Queremos terratraballo.
Que todas as persoas teñan acceso a unha alimentación saudable, local e sostible. Queremos cidades e pobos nos que se acceda con facilidade a alimentos que preserven e coiden a paisaxe. Queremos que todas as persoas que queiran traballar a terra teñan a posibilidade de facelo.
Irmá de terra,
as ameazas que nos poñen en perigo hoxe seguen sendo as mesmas de onte, aínda que se vistan de termos como «progreso», «sustentabilidade» e «prosperidade». Nós somos como aquelas árbores que eran un habitante máis nos nosos pobos: na súa sombra e acubillo tomábanse todas as decisións, falábase e compartíase, celebrábase a quen viña e despedíase por última vez a quen se marchaba para sempre.
O sistema agroalimentario no que vivimos arrasa as pequenas ganderías, os proxectos familiares, as iniciativas agroecolóxicas cheas de saberes, relacións e formas de traballo respectuosas coa terra. Fai imposible a substitución xeracional, as incorporacións de persoas mozas que queren vivir nos nosos pobos. Desaparecen así maneiras únicas de habitar o territorio, de conservar e protexer a nosa biodiversidade e os seus ecosistemas.
Aquí estamos xuntas para alzar a voz, para lembrar que non deixaremos de loitar por garantir unha terra digna.
Irmás de terra,
por moito que queiran tallarnos, sabemos que xuntas non caeremos.
Irmá de terra,
aquelas que contamos co privilexio e coas ferramentas necesarias podemos ser as primeiras en revisar as nosas loitas e debates. Como traballamos, como nos organizamos, como nos nomeamos. Tamén nós estamos a dar forma a novos relatos e é imprescindible falar e pensar desde onde e como os facemos.
Porque necesitamos máis ca nunca novas ruralidades cheas de feminismos, agroecoloxía, diversidade, pero tamén — como diciamos — de memoria.
Irmás, non estades soas.
Non estamos soas.
Outro 8 de marzo máis, seguimos aquí, estamos aquí.
Aquí nomeamos, aquí sentímonos máis unidas ca nunca. Aquí facemos fronte, compartimos os nosos temores, deixamos a un lado o silencio. Reivindicamos que existen moitas maneiras de habitar o territorio, moitas ruralidades que dialogan, que aprenden, que constrúen, que coidan e acollen. Unha de irmás de terra: chea de feminismos e diversidade, de agroecoloxía, de memoria, de interdependencia, de apoio mutuo, esperanza e alegría.
Por un feminismo de todas,
por un feminismo de irmás de terra.
O cartel é obra de La Galana colaxe (Cecilia Jiménez). Podedes descargalo aquí.
**(Este Manifesto foi impulsado por María Sánchez e Lucía López Marco. Grazas aos consellos e achegas de Blanca Casares, Patricia Dopazo, Karina Rocha, Julia Álvarez, Neus Miquel, Elisa Outeros, Colectivo Arterra e Elena Medel. E a tantas que fixestes chegar as vosas achegas.)
***Este manifesto foi traducido ao galego por David Lourido (O Tempo da Aldea).